PROGRAMACIÓN

 

LIÑAS TEMÁTICAS

 

• EXPERIENCIA, ACTUALIDADE E MODELOS EXTERNOS

• O TEATRO E OS PÚBLICOS

• A CREACIÓN E OS SEUS PROCESOS

 

 

Estrutura

 

O I Congreso Internacional do Teatro Galego organízase en torno a diferentes sesións de traballo coa seguinte estrutura diaria:*

 

1) Relatorio plenario (dúas horas) a cargo dunha/dun conferente especialista convidada/o. Ao finalizar a súa intervención abrirase unha breve quenda de intervencións do público. O texto deste relatorio será incluído na publicación do Congreso.

 

2) Pausa.

 

3) Tres mesas de traballo simultáneas (dúas horas) centradas nun tema específico relacionado coa liña temática do día. Estarán integradas por unha persoa coordinadora e tres argüentes convidadas/os. A persoa que coordine a mesa presentará nunha breve intervención as liñas centrais das propostas das/dos argüentes (publicadas previamente na web do Congreso) e daralles paso para que as comenten e enfoquen os aspectos que poidan abrir o debate entre as persoas que participan na mesa e o público asistente. Este intercambio de opinións constituirá o cerne das mesas de traballo. Os textos das/dos argüentes, coas modificacións que se consideraren oportunas após a celebración da mesa de traballo, serán incluídos na publicación do Congreso.

 

4) Pausa para xantar.

 

5) Comunicacións libres e paneis (hora e media) distribuídas en tres espazos que funcionarán simultaneamente. Pódense consultar as condicións e o proceso de presentación de propostas de comunicacións libres e paneis en Participa. A comisión científica do Congreso poderá propor a súa inclusión na publicación derivada do Congreso. Cada comunicación disporá dun máximo de 15 minutos.

 

6) Pausa.

 

7) Presentacións de proxectos e/ou publicacións específicas relacionadas co Congreso.

 

8) Plenario final do tema do día cos tres coordinadores das mesas de traballo da mañá que, xunto coa persoa que introduciu o relator que abriu a xornada, presentarán as conclusións diarias e abrirán o debate final desa liña temática.

 

 

* O día 10 dedicarase en exclusiva á clausura do Congreso.

 

 

 Academia Galega de Teatro. Rúa Álvaro Cebreiro, 15 – 1º 15003 A CORUÑA